Monday 29 de April de 2024

Inés Rey recibe a Cole Brauer, primeira muller estadounidense en dar a volta ao mundo a vela en solitario e sen escalas


A alcaldesa eloxiou a “heroica fazaña” da regatista, cuxa chegada á Coruña produciuse na véspera do Día da Muller

A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, recibiu en María Pita a Cole Brauer, regatista que se converteu este xoves, 7 de marzo, na primeira muller estadounidense en dar a volta ao mundo a vela en solitario e sen escalas. Brauer, de 29 anos e orixinaria de Nova York, quedou en segunda posición na regata Global Solo Challenge tras o francés Philippe Delamare, que chegou á cidade o pasado 24 de febreiro.

“A heroica fazaña que culminou onte Cole Brauer debe servir de exemplo a moitas mulleres neste 8 de marzo, pois precisamos de referentes que nos amosen que podemos afrontar diferentes retos en igualdade”, sinalou Inés Rey, que entregou á regatista un obsequio como lembranza do seu paso pola cidade.

Cole Brauer percorreu co seu barco, o ‘First Light’, un total de 26.000 millas náuticas en 130 días. A estadounidense foi compartindo o seu día a día a través das súas redes sociais, nas que conta con case medio millón de seguidores.